Comunicado de prensa

O Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo) non asistirá á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, hoxe xoves 21 de febreiro de 2013, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais.

O Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo), grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo da Galiza, non vai asistir á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais que estes mesmos días se manifestan alí mesmo polo parón que sofre o sector. Sumámonos así á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que tamén se solidarizaron deste xeito coas persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia.

O noso grupo de teatro foi o premiado na categoría das Artes Escénicas “polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte no máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local”. Agradecemos este recoñecemento institucional que de ningunha maneira rexeitamos, xa que son moitas as persoas que traballaron para chegar ata aquí, e tampouco somos quen para rexeitar un premio que, entre outras cousas, non nos pertence ás persoas que estamos agora no grupo senón a tantas outros veciños e veciñas de Asados e Rianxo que se subiron ás táboas durante tantos anos. A pesar de que foi unha decisión difícil de tomar, finalmente a maioría dos actuais membros adultos en activo de Airiños decidimos sumarnos á protesta do sector teatral con esta decisión: non acudir ao acto de entrega dos premios. Apoiamos así ao sector teatral ao que, dende o afeccionado, pertencemos. E sumámonos a unha protesta que nos atinxe a todos nós: sexa como teatreiros que como consumidores de cultura.

Saúde e teatro!

Cadro Artístico Airiños 2013

Esta entrada foi publicada en Novas. Garda a ligazón permanente.

4 respostas a Comunicado de prensa

  1. Vicente Montoto di:

    Moitas gracias compañeiros e compañeiras, e moito teatro. Apertas.

  2. Pingback: Nota de prensa do Teatro Airiños « Fotos de Rianxo

  3. david otero di:

    unha fermosa decisión.oteatro é parte moi importante da verdade deste pobo do galego e non pode xogar ao que non sente, nin lle debe a roda a ninguén porque lle poña unha cenoira diante.boa decisión e moita exemplariedade.síntome orgulloso de vós.DANIEL, MANUEL A, DIESTE, MOLDES, ROXERIUS, DEIRA…ata a GuadalupeIRÁ POLA AREA COMO UNHA PRINCESA FACHENDOSA DE VÓS…BUXO,BELEZA E LIBERDADE.DAVID OTERO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *