Arquivos da etiqueta: lourenzá

Os Kabramakabra fanse con 2 premios en Lourenzá

A familia Airiños está de noraboa. O xurado do I Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá ven de premiar a posta en escena do noso grupo xuvenil, Os Kabramakabra, pola súa obra Mass co-medias e a Marco Bravo como mellor actor de reparto. Valor engadido ten a mostra de Lourenzá, pois presentáronse 16 grupos de teatro dos cales só 8 seleccionados puideron levar á escena a súa peza. Ademais a nosa aposta foi a única de carácter xuvenil. Estes premios dan continuidade aos recibidos o ano pasado nos Premios Buero de Teatro Joven poñendo en valor novamente a nosa escola de teatro.

Os premios foron recollidos por Carmela Bravo, nomeada a mellor actriz de reparto pero con menor sorte, nunha gala presidida pola alcaldesa Rocío López, a deputada provincial Mayra García, e o concelleiro de Cultura. Despois da entrega de premios Candido Pazó representou a súa peza Que comerá o rei?.

Agradecer ao concello de Lourenzá a organización deste certame e por apostar polo teatro afeccionado.

Os Kabramakabra optan a 3 premios en Lourenzá

O xurado do I Certame de Teatro Afeccionado de Lourenzá deu a coñecer os nomeados e nomeadas de cada unha das categorías do evento. Os Kabramakabra da Escola de Teatro Airiños foron nomeados en 3 destas categorías: Mass co-Medias en mellor posta en escena, Carmela Bravo como mellor actriz de reparto, e Marco Bravo como mellor actor de reparto.

Os gañadores daranse a coñecer nunha gala este domingo 3 ás 19h coa que se clausurará o certame e que pechará Candido Pazó coa representación da obra Que comerá o rei?. Agardamos que haxa sorte e os nosos rapaces poidan traer algún premio de terras lucenses.

Mass co-medias en Lourenzá


Os Kabramakabra da nosa Escola de Teatro foron seleccionados para participar no I Certame de Teatro Afeccionado do Concello de Lourenzá (Lugo) coa súa obra Mass co-medias. Será un xurado formado por sete persoas o encargado de valorar a calidade das obras presentadas a concurso, a actuación dos distintos actores e actrices e a mellor montaxe (decorados, luz, son, vestiario, etc.). A representación é no Salón de Plenos do concello o domingo 5 de novembro ás 19.30h e a entrada ten un custe de 3€.