Palco de Terra 2017

En poucos sitios nos recibiron tan ben coma esta fin de semana en Balugães, Portugal. Foi unha fin de semana chea de emocións (e de comida).

O sábado tivemos a honra de pechar o certame Palco de Terra coa representación da nosa versión de Romeo e Xulieta. O público dounos moita calor durante toda a función, con risas e aplausos constantes, parecía que xogábamos na casa.

O domingo despois dun pequeno paseo polo centro de Barcelos e por Balugães xantamos cos anfitrións, o Teatro de Balugas e co grupo Nova Comédia Bracarense, encargados de pechar a gala de premios coa peza “O Aniversário do Casamento” dirixida e escrita por Fernando Pinheiro, o homenaxeado deste ano. Na gala de premios, onde cada un dos grupos participantes recollía un premio de participación, quedou refletido o grande traballo desenvolvido polo Teatro de Balugas, teatro comunitario, teatro de aldea, teatro de pobo para o pobo. Nunca esqueceremos o discurso de Fernando Pinheiro ao recoller o premio que honra os seus máis de 40 anos ao servizo do teatro do Minho.

Teatro de Balugas, só podemos dicir: OBRIGADO OBRIGADO OBRIGADO. Vémonos en Rianxo en marzo 😉 Intentaremos estar á altura!

Os Kabramakabra optan a 3 premios en Lourenzá

O xurado do I Certame de Teatro Afeccionado de Lourenzá deu a coñecer os nomeados e nomeadas de cada unha das categorías do evento. Os Kabramakabra da Escola de Teatro Airiños foron nomeados en 3 destas categorías: Mass co-Medias en mellor posta en escena, Carmela Bravo como mellor actriz de reparto, e Marco Bravo como mellor actor de reparto.

Os gañadores daranse a coñecer nunha gala este domingo 3 ás 19h coa que se clausurará o certame e que pechará Candido Pazó coa representación da obra Que comerá o rei?. Agardamos que haxa sorte e os nosos rapaces poidan traer algún premio de terras lucenses.

Rumbo a Barcelos (Portugal)

O sábado 2 de decembro ás 21.30h (hora portuguesa) temos a honra de representar Romeo e Xulieta no Ciclo de Teatro Palco de Terra en Balugães (Barcelos, Portugal), na que será a nosa terceira internacionalización. Este ciclo de teatro está organizado polos nosos benqueridos Teatro de Balugas, grupo que coñecemos hai xa 3 anos a raíz da súa interese pola historia de Airiños. O ciclo está composto por 4 partes, levando á escena unha obra en cada estación do ano. Airiños pechará o ciclo este sábado 2 coa representación na edición de inverno pero non de todo pois o domingo 3 farase entrega ao director e dramaturgo Fernando Pinheiro do Premio Palco de Terra 2017, premio que busca recoñecer e agradecer o traballo e o esforzo daquelas persoas ou institución no ámbito do teatro realizado no medio rural e da creación artística sobre o Miño.

Tendes máis información na súa páxina web.

Airiños conta cunha pequena subvención da Deputación da Coruña para afrontar o pago do autobus desta representación.