Escola

A Escola de Teatro Airiños créase en 1998 baixo a dirección de José A. G. Vilariño coa finalidade de achegar a semente e o amor polo teatro aos rapaces e rapazas máis novos da localidade. A primeira obra que representaron foi “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela” do homenaxeado nas Días das Letras Galegas 2016, Manuel María.

Xa no nadal de 1998 levaron á escena “O Esparramado”, unha adaptación do conto “O seghuro da enfermidade” de Xan das Canicas. Nestas mesmas datas festivas tamén se representou “A árbore de Nadal”, onde se escenificaba un nacemento. Ao ano seguinte, en 1999, a Escola preparou dúas novas obras: “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas e “¿Quen viu ó meu neno?” de Andrés García Vilariño.

Coa chegada do 2000 a Escola comezou cun clásico de Molière, “O menciñeiro a fungueirazos”, dando o salto por primeira vez a escenarios fóra de Rianxo: Teatro Noela de Noia, Corcubión, Ferrol, entre outros. No ano 2001 preparan “Tanis I, o Mocos”, unha adaptación teatral da novela do mesmo nome de Manuel Lourenzo González. No 2002 continuase levando por diferentes localidades da provincia a obra de Manuel Lourenzo ademais de representar a finais de ano “Estación de Buses”. O 2003 vólvese a Molière e represéntase unha adaptación de “Futuro, futuro”. En 2004 a consolidación da Escola como un grupo de teatro de mozos e mozas xa moi afeccionados ao teatro faise evidente. Este ano levan ás táboas “Cambiazo 26” unha obra escrita por José A. G. Vilariño pensando nas características do grupo. No 2005 continuase rodando “Cambiazo 26” por toda a comarca do Barbanza así como Arzúa, Ferrol, o propio IES Félix Muriel de onde os rapaces son alumnos, entre outros sitios. Ao mesmo tempo xa ensaian unha nova obra, de novo escrita polo propio Vilariño: “O Barqueiro de Pradeda”. O ano 2006 será o ano do Barqueiro e xa pasado o verán comezarán cos ensaios de “O Campelo”, obra escrita de novo polo propio director do grupo e que será representada ao longo do 2007.

Tristemente a Escola deixaría de funcionar en marzo do 2008 despois de 10 anos de intensa actividade baixo a única dirección de Vilariño. Non sería recuperada ata o ano 2012 coa representación en xaneiro de “O dragon empachado” baixo a dirección de Esther F. Carrodeguas, actual directora do grupo. En decembro volven subirse ás táboas con “O estraño caso da morte de Lady Saraiba” creación colectiva dos propios nenos. No 2013 o número de nenos inscritos crece polo que se decide formar dous grupos dentro da escola de teatro, de aí que en xuño de 2013 se representen dúas nova obras no Auditorio de Rianxo tituladas “Que vida é esta” e “10 negriños”. En 2015 “Hotel Finesterrae” será representada polo grupo dos máis pequenos e “A pequeña gran historia de Maruxa” polo dos maiores, sendo estas obras as últimas da Escola de Teatro Airiños dirixidas por Esther.

En 2015 a Escola de Teatro continua a súa actividade baixo a nova dirección de Raquel Ramos, actriz do propio grupo. Durante os cursos 15-16 e 16-17 a Escola estaba formada por dous grupos: Os Fantásticos, os máis pequenos, e Os Kabramakabra, rapaces de xa 12 anos en diante. Debido ao éxito da escola no novo curso 17-18 a Escola está formada por 3 grupos. No 2017 Os Kabramakabra gañan dúas mencións nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven de Cocacola: mellor obra orixinal “Con S de Super” e mellor traballo actoral. Neste mesmo ano son seleccionados coa súa nova obra “Mass co-medias” para participar no I Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá facéndose cos premios de mellor posta en escena e mellor actor de reparto.