Arquivos do autor: Airiños

“A cousa de Bernalda Alba” por Martabelas

Hoxe venres 1 de xuño, na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, o grupo teatral Martabelas presenta a obra A cousa de Bernarda Alba. Esta actuación está enmarcada nun intercambio teatral que facemos con este grupo de Teo.

A función terá lugar as 21.00 horas. A entrada ten un custo de 2 € e pode adquirirse unha hora antes na billeteira do auditorio.

Os Kabramakabra fanse con dous Premios na III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”

Hai uns meses faciámosvos partícipes da nosa alegría de ser uns dos 5 grupos seleccionados de 19 inscritos para participar na III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” do Concello de Zas. Unha vez rematadas as cinco representacións, este domingo 27 de maio tivo lugar a entrega de premios no Auditorio de Baio nun acto no que tamén se pechou a XI Escola Municipal de Teatro Infantil coas obras interpretadas polos alumnos e alumnas. O xurado desta terceira edición da mostra de teatro estivo composto por:

  • Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura do Concello de Zas
  • Ana Lucía Otero Ramos, animadora cultural do Concello de Zas
  • Ricardo Vigeret Gil, membro do grupo de teatro Badius
  • Alberto Villar López, membro do grupo de teatro Badius
  • Pablo G. Soto Videla, membro do grupo de teatro Badius

Os Kabramakabra están de racha pois fixéronse con dous dos catro premios: Mellor Actor para Luismi Ramos e Mellor Obra Premio do Público. Deste xeito Mass Co-medias suma xa 5 premios cos recollidos no Certame de Lourenzá e nos Premios Buero de Teatro Joven.

Felicitar dende aquí tamén aos compañeiros finalistas: O Catre Teatro (As Pontes), Tiruleque (O Carballiño), Ditirambo Teatro Coruña (Montrove) e Paso de Valverde (Arteixo), en especial a Ditirambo Teatro polos seus premios de Mellor Obra Premio do Xurado e Mellor Actriz para Chelo G. Falcón.

Agradecer tamén ao Concello de Zas pola súa aposta continuada polo teatro afeccionado e en especial a Lucía e a Fidel polo seu bo facer. Grazas 🙂

Premios Buero de Teatro Joven 2018

Os Kabramakabra están de noraboa, a súa obra Mass Co-medias, escrita e dirixida por Raquel Ramos, ven de gañar a Mención do Xurado por Texto Orixinal nos Premios Buero de Teatro Joven organizados pola Fundación Coca-Cola. Premios que van pola súa 15º edición e que este ano baten record de participación, 33 grupos inscritos que fan un total de 660 mozos. Os premios foron entregados nunha gala celebrada o pasado 22 de maio no Centro Ágora de A Coruña onde, como é lóxico, non faltaron as representacións teatrais.

Esta mención súmase aos dous premios recollidos no I Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá o pásado decembro por esta mesma obra.

Foto: El Correo Gallego

Teatro Airiños no Fest’Arte (Braga, Portugal)

Este sábado 19 de maio temos a honra de participar na XIII Mostra de Teatro Amador Fest’Arte organizada pola Nova Comédia Bracarense e Junta de Freguesia de Palmeira (Braga). Será a nosa cuarta internacionalización despois de Monção, Santa Maria da Feira e Barcelos. A función é ás 21.45h (hora de Lisboa) e a entrada ten un custo de 2€ (a metade do recaudado é doado ó Grupo CRES’SER Jovem). Persoas de ata 14 anos e con máis de 65 anos teñen entrada de balde.